Thursday 25 de April de 2024

A Xunta destaca fronte ao comisario europeo de pesca a importancia dunha política europea de apoio ao mar


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT)

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité das Rexións europeo (CdR) que contou coa presencia do comisario de Medioambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, quen mantivo un debate cos membros de NAT sobre a gobernanza dos océanos.

O comisario Vella compareceu nesta reunión da comisión NAT no marco dunha serie de consultas públicas sobre a gobernanza internacional dos océanos, unha iniciativa da Comisión Europea que busca regular os mares e océanos de forma sustentable e eficiente. O CdR está moi involucrado no que respecta ás políticas do espazo mariño e costeiro, e a través da comisión NAT ten emitido un gran número de ditames en materia de pesca, acuicultura ou economía azul, entre outros temas.

Debate co comisario de Medioambiente, Asuntos Marítimos e Pesca
Durante a súa intervención neste debate, o director xeral afirmou que o CdR acolle con satisfacción a idea do comisario Vella de buscar unha maneira máis sustentable de regular os recursos oceánicos. Neste sentido, e facendo referencia ao ditame sobre o futuro da acuicultura do que é relator, recordou que este sector debería considerarse peza clave da estratexia da Comisión Europea denominada “crecemento azul”, xa que crea emprego en rexións estruturalmente débiles e contribúe ao futuro sostible da cadea alimenticia.

O ditame, que está previsto que se aprobe na sesión plenaria de outubro do CdR, considera a sustentabilidade como unha condición indispensable para o desenvolvemento do sector. Neste sentido, tanto as directrices estratéxicas para o desenvolvemento sostible da acuicultura da UE de 2013 como a Política Pesqueira Común, recordan que a sustentabilidade é o eixo do que depende a protección dos ecosistemas mariños europeos e a viabilidade ecolóxica das actividades económicas relacionadas co medio mariño.

Gamallo recordou que unha boa gobernanza e a protección do medio mariño son claves para o desenvolvemento tanto da acuicultura como da pesca extractiva e artesanal, actividades de grande importancia económica e social para Galicia. Tras a intervención do director xeral, o comisario Vella confirmou a súa visita á comunidade galega no vindeiro mes de outubro.

A economía marítima da UE emprega a máis de tres millóns de persoas e xera case 500 mil millóns de euros ao ano, cun importante potencial de crecemento. Así, o mar é cada vez máis importante para abastecer de pescado, minerais e enerxía renovable a Europa. O océano é un dos maiores recursos compartidos da UE, polo que un marco eficaz para a súa gobernanza como o que presenta a Comisión Europea é de gran importancia.

Discusión e aprobación de ditames
No encontro aprobáronse dous ditames. O primeiro deles, que se votará na sesión plenaria de outubro, trata do proceso de toma de decisións sobre os organismos modificados xenéticamente (OMG). O CdR recorda a desconfianza que existe entre a poboación respecto a estes cultivos e considera, entre outras cousas, que os Estados membros deben ter o dereito de prohibir ou restrinxir este tipo de cultivos a nivel nacional aínda que estean autorizados a nivel europeo, polo que pide á Comisión que clarifique como poñer en práctica estas restricións de xeito legal a nivel nacional.

O segundo ditame, sobre a simplificación da Política Agrícola Común (PAC), que tamén se someterá a votación na sesión plenaria de outubro, pretende que os Estados membros dispoñan dunha maior flexibilidade á hora de implementar e controlar as medidas da PAC e considera que esta nova política debe favorecer a redución das barreiras burocráticas e administrativas ás que se enfrontan os agricultores e as comunidades rurais.

Por último, os representantes rexionais e locais debateron sobre dous documentos de traballo, un sobre innovación e modernización da economía rural, e outro sobre o turismo adaptado ás persoas de idade avanzada.

A Comisión NAT do Comité das Rexións europeo
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.